martes, 4 de octubre de 2011

DESVARÍOS VARIOS

pousada estou neste chan que non remata baixo os meus pés, este mesmo que non pode cós meus tacóns percorridas tantas horas da miña vida desgantando un piso de xadrez.
bébeda estou xa nunha esquina do meu camiño, esperando que me den as doce para tomar unha aspirina que todo o cure, aínda que só sexa ata mañá.
maréome nas noites de verán porque non me visita o sono, arrólome ós poucos, deixando o suco nun colchón cheo de pulgas carnívoras de vergonza.
prestádeme os vosos soños para pegalos e copialos xunto os meus, regaládeme momentos de alegría para gardalos na caixa da miña historia que agora está tan valdía, dádeme un empuxón cando me esqueza de camiñar hacia adiante, pegádeme no corazón cando esqueza que non tódolos humanos perden aceite polo burato do egoísmo, bérrame que non perda a esperanza cando caia e tarde en levantarme.
o doce amor non existe só o doce de leite e ata ese cansa en exceso, é unha máxima que algún día me tatuarei na memoria para sobrevivir. só intento lembrar que os filmes de princesas remataron fai tempo e que agora prefiro as películas de terror.
mátame cando esqueza que aínda podo elucubrar sen que me importe o que pensen do meu verbo escrito ou falado, tírame das orellas ben forte cando non diga palabras de tola alucinada, cando deixe de ser eu.


No hay comentarios: