sábado, 26 de julio de 2008


Chámame 'sola', respírame paseniño por medo á fraxilidade. Fálame entre susurros porque deixei de oír notas altas por un accidente de amor, tócame con guantes de látex para non luxarte cos meus malos pensamentos. Nada especial por fóra e recheo de galleta resesa no interior, a dozura do meu sabor foi pasando ós poucos, caducando coa decadencia dos malos momentos.
Son 'sola', sempre fun 'sola', etiqueta bravía como a miña condizón. Era de pel, de oso e varios corazóns, dous ollos fermosos que o pescudaban todo, que me vían a min, un sorriso con moitos dentes para verme a miúdo; era rosa por dentro e negra por fóra, era mestura de zucre e sal, xantar opulento dos días de festa, era as candeas dun aniversario continuo, unha Alicia sen tempo nin reloxo que inquerir.
Era 'sola' pero comigo. Nesta hora na que me perdo, no anterior minuto que non podo recuperar, perdinos e perdéronme toda, non escoito berros que me amosen o camiño de volta, nin fermosas zapatillas vermellas coas que voltar a casa.